Skip to main content

As novas regulacións europeas sobre produtos fertilizantes impulsan o uso de abonos orgánicos que, baixo a premisa da economía circular, contribúan ao desenvolvemento sostible. Segundo datos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a comunidade galega consumiu en 2020 ao redor de 43.000 toneladas de fertilizantes químicos fronte ás 48.700 contabilizadas en 2010. “Hai unha clara evolución na aposta polos fertilizantes naturais”, explica a responsable xeral de Tratamentos Ecolóxicos do Noroeste (TEN), Carmen Pintor, que, desde o municipio de Touro, comprobou durante a última década “como medraron as nosas vendas de compost e como se diversificou o seu destino ao aplicarse en diferentes cultivos”, como plantacións de froiteiras, cereais, viñedos e mesmo monte.

Precisamente da utilización do compost elaborado en TEN usando como materia prima os lodos procedentes das EDAR galegas ten un gran coñecemento Susana Gulín, técnica de campo da adega Altos de Torona, situada en Tomiño – O Rosal (Pontevedra). “O abono de orixe orgánica é unha práctica necesaria para favorecer a biodiversidade dos solos dos viñedos, diminuíndo cada vez máis os produtos de sínteses e substituíndoos por produtos naturais”, subliña.

Neste sentido, empregado como fertilizante, o compost corrixe a longo prazo o déficit de materia orgánica que, coa utilización de abonos foliares, só podería ser emendado de forma temporal. “Incorporar materia orgánica de calidade ao chan contribúe a evitar potenciais problemas de carácter físico, químico ou biolóxico que, a longo prazo, afectan á calidade dos viñedos”, indican desde TEN.

Altos de Torona, adega de referencia da Denominación de Orixe Rías Baixas, conta cun viñedo de 94 hectáreas onde xunta a conservación do medio ambiente coa economía das explotacións e as esixencias en materia de calidade e seguridade alimentaria. “A realización de plans de acción de conservación na contorna dos viñedos permítennos optimizar recursos en beneficio do medio ambiente”, explica Gulín, convencida da importancia de apostar polo compost de TEN -COMPOSTEN- como “unha fonte de nutrientes de orixe natural, segura e de calidade que ademais é obtida en Galicia a partir de produtos reciclados en consonancia cun modelo de economía circular”, o cal, engade, “reduce, ademais, a dependencia da importación de nutrintes”.

Un proceso integrado no ciclo da natureza

O compost mellora a estrutura do chan, incrementando a porosidade e a capacidade de retención de auga e diminuíndo a erosión. “Grazas ao abono natural, enriquecemos o terreo con auga e nutrientes froito do proceso de degradación da materia orgánica pola acción combinada de microorganismos e outros descompoñnedores”, sinala a técnica de campo do viñedo, que engade: “Ao devolver o compost ao chan estamos a contribuír a pechar o ciclo da natureza”.

Sen ir máis lonxe, entre as fileiras de cepas de variedades autóctonas como albariño, caíño branco, godello ou loureira, os responsables dos viñedos desenvolven unha viticultura sostible que propiciou que o viñedo se converta no hábitat natural de 91 especies de plantas e 71 de animais. Unha riqueza biolóxica que, tal e como asegura Gulín, “enriquece a vide desde as súas raíces e favorece a obtención de viños únicos integrados coa natureza”.

Ruta da biodiversidade

Adegas Altos de Torona desenvolveu un roteiro interpretativo na que o visitante pode descubrir a biodiversidade da zona ao longo dun percorrido de 2,5 quilómetros de lonxitude e cunha dificultade media-baixa. Os paneis informativos mostran detalles acerca de especies de flora como bidueiros, freixos ou cerdeiras, e mesmo nenúfares, e de fauna, como ras, sapos, lagartos, lagartijas ou gran número de insectos que habitan un terreo cultivado de forma totalmente natural.

Tras marcas comerciais como Altos de Torona Roseira e a través das súas monovarietales, ademais dun barrica e dúas brut, Altos de Torona diferénciase non só pola súa variedade directa ao consumidor, senón, sobre todo, pola súa aposta por un modo de cultivo responsable e sostible en plenas Rías Baixas.